O ESPÍRITO DE SAN BIEITO

La Voz

OPINIÓN

TRIBUNA / Miguel Anxo Araújo (Bispo emérito de Mondoñedo-Ferrol)

21 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estamos entrando nun milenio que se mostra caracterizado por un profundo tecido de culturas e relixións, incluso en países de vella cristiandade. En moitas rexións, os cristiáns son, ou están sendo, un cativo rabaño (Xoán Paulo II). Non é a primeira vez na historia que a Igrexa se ve sacudida en momentos de cambios culturais profundos. Tamén a invasión dos bárbaros e o derrumbamento da civilización romana xeraron unha grande crise na Igrexa. Pero o cristianismo non se identifica con ningunha cultura, nin a súa sorte está vencellada á sorte de ningunha cultura. Cristi, fiel á súa promesa de estar sempre coa súa Igrexa ata a fin dos tempos, nunca deixou de suscitar por medio do seu Espírito homes que fixeron presente a Gracia na historia. San Bieito (480-560) foi un destes homes extraordinarios. Un persoaxe decisivo A data do 11 de xullo amósanos a figura deste home sumamente eficaz para o desenvolvemento cultural e relixioso de Occidente. Podemos afirmar que foi o personaxe máis importante e decisivo na evanxelización de Europa. El atopouse cun mundo físico e social en ruínas, e a súa misión sería restauralo, non á maneira da ciencia, senón da natureza, non como se se propuxese nun tempo determinado ou por medio dun estraño medicamento, senón dun xeito tan tranquilo, pacente e gradual que, decote, non se percibía que estaba en marcha ata que a obra estaba rematada. Tratábase dunha restauración, máis ca dun castigo, unha corrección ou unha conversión. O mundo novo que el axudou a crear era máis un desenrolo ca unha construcción. Podíanse contemplar no campo a homes silenciosos que non aparecían en público, vivían no frío claustro, cansaban a súa vista descifrando con traballo ou copiando os manuscritos que salvaran. Ninguén discutía ou gritaba. Pouco a pouco a vagoada convertíase nunha ermida, unha casa relixiosa, unha granxa, unha escola de coñecementos e unha cidade. Camiño e pontes comunicábamos con outras abadías e outras cidades. E o que o arrogante Atila derrubara, estes homes pacentes e pensantes fixérono renacer. E logo, cando ó longo de moitos anos acadaran as súas pacíficas victorias, cecais chegaba un novo invasor e derrubaba nunha hora con fogo e espada o seu lento e duro labor. Os hunos sucederon ós godos; os lombardos ós hunos; os tártaros ós lombardos. O saxón foi sometido tan só para que o danés ocupase o seu lugar. No chan, entre o po, xacían o traballo e a civilización de moitos séculos, igrexas, colexios, claustros, bibliotecas e ós monxes non lles quedaban outra cousa, voltar a comezar desde abaixo. E isto facíano sen amargura, tan de corazón e con tanta paz, que a reconstrucción parecía froito dunha lei da natureza. Unha débeda de Galicia Era como as flores e as árbores frutais que cultivaban, que non se vingan cando son maltratados, nin se lembran do mal, senón que producen novas ramas, follas e flores en maior abundancia cecais de máis fermosa calidade, pola sinxela razón de que as antigas foron cortadas con violencia. Se era profanado un lugar sagrado, erguían os monxes encima outro máis acabado. E nese intre aparecían homes ricos e poderosos que recordaban o pasado e o querían en demais como para desexar que renacese no futuro. Tal sería o caso de Ramsey logo das devastacións dos daneses. Galicia débelle moito ó espírito de San Bieito presente no rosario de tantos mosteiros de benedictinos e cistercienses na xeografía galega. E así se explica a profunda devoción do pobo galego a este glorioso santo, e as moitas festas que se celebran na súa honra.