Á MARXE / Carlos Casares
15 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cando eu era rapaz, falábase moito dun físico madrileño que tiña refutado a teoría da relatividade de Einstein. Supoño que se trataba dunha bobada, pero había moita xente que o cría, eu entre eles. Igual que pensaba que a maior parte dos grandes inventos na historia da Humanidade eran obra de españois. Desas cousas falábase nas escolas, nas que estaba vixente aquela filosofía oficial de que España suscitaba a envexa de medio mundo, e que había unha especie de conspiración internacional. En Madrid hai unha rúa que leva o nome de Federico Rubio y Gali, científico tamén moi famoso no seu tempo, merecedor, polo que se ve, de que alguén, nun momento determinado, se acordase del para facerlle esa homenaxe. Case ninguén sabe que o citado señor foi autor do libro La mujer gaditana, que debía figurar nunha antoloxía do disparate ou, quizais mellor aínda, do humor involuntario. No seu libro, Federico Rubio defende a teoría de que as características físicas das mulleres de Cádiz dependen da xeografía urbana: «Su cuerpo esbelto, alto de pecho y ancho de caderas procede del pavimento, desprovisto de cuestas». Algo parecido sucede ca elegancia do pes, que dependen «de la regularidad de las aceras y de las cortas distancias de un punto a otro de la ciudad». Como comenta Jorge Urrutia, menos mal que o doutor Rubio non se parou a aplicar a súa teoría ás mulleres de Lisboa, que con tantas costas que teñen que subir e baixar, debían ter pes de vaca.