A VER AGORA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

06 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai uns anos estivo na miña casa, pasando unha tempada como refuxiado político, o poeta bosnio Atmiral Mahic, un mangallón inocente que botaba horas cos ollos fixos en ningunha parte, sobre todo cando quedabamos os dous sós no salón polas noites, mentres repetía unha e outra vez: «Do you know? I am not guilty» («¿Sabes? Eu non son culpable»). Supoño que era a súa maneira de pedir escusas, quizais porque pensaba que podía ser un encordio. O caso é que non tiña a onde ir, mentres agardaba un visado para entrar no Canadá. Foi a única víctima real que coñecín daquela horrible guerra de Bosnia. Custábame entender que ninguén quixese matar a aquel cacho de pan e que para librarse da morte, o poeta infeliz tivese que andar de vagabundo, sen outros bens que a roupa que traía posta, unha máquina de escribir, dous libros e nada máis. Nin sequera as fotografías dos seus pais asasinados, nin da súa moza, abatida a tiros, nin da súa casa, queimada e saqueada. Fora amigo de Radovan Karadzic, un dos responsables daqueles crimes moralmente repugnantes. Antes da guerra, participaban xuntos en recitais poéticos. Absolutamente sempre, o futuro criminal recitaba os mesmos poemas: exaltación de Gavrilo Princip, o mozo que matou nun atentado ós archiduques de Austria, en Sarajevo, cantos á bandeira, lembranzas das grandes batallas do pasado. En fin, toda esa retórica que sería tan banal como beber un vaso de auga senón fose porque se acabaría convertendo nunha bala disparada ó corazón de moita xente, entre eles os parentes de Atmiral. E as fotos. Agora parece que se vai facer xustiza.