Á MARXE / Carlos Casares
03 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Onte falei de Osvaldo Jove, o personaxe de Álvaro Cunqueiro que cazaba coellos a pedradas. A pesar dese mal costume, que podería facer pensar nun home duro ou primitivo, Osvaldo era un sentimental. Pasou os últimos anos da súa vida apartado da xente, vivindo nun caseto que construíra no alto do monte, falando latín cos animais. Pechábase na corte cunha vaca enferma e botaban entre ambos os dous longas parrafeadas, cada un na súa lingua. O curandeiro aprendera latín pola gramática de Araújo, co cura sabido de Begonte. Desde que se pechou e deixou de tratar cos veciños, Osvaldo Jove seguía curando, pero por un procedemento diferente, máis propio dun adiviño que dun albeitar. De cando en vez baixaba ata o camiño e agardaba que pasase alguén. Entón dáballe un recado: «Dille a Fulano que mañá ou pasado lle vai enfermar a besta. Que teña mercada esta mediciña». E dáballe a receita, na que por un lado ía o retrato de Julita Pons e polo outro un purgante. O latín que falaba o coxo de Entrebo entendíao todo o mundo. Nesto de falar, os curandeiros de Cunqueiro danlle sempre moita importancia ó latín, incluso a unha soa palabra, como aquel das Pontes que metía por forza a palabra «verbigratia» en todas as receitas: «Láudano, verbigracia, vinte gotas». Outros prefiren o castelán. Un tal Pardo, que estivera en Cuba e trouxera de alá o costume de dicir «Me cago en Weyler», tamén usaba ditos naquel idioma, especialmente cos enfermos tristes que andaban mirando para o chan: «¡Parece, chico, que andas buscando la cagada del lagarto!». As palabras poden curar. Ou causar grandes catástrofes.