XOSÉ L. FRANCO GRANDE SOLEIRA
28 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A profesora Bermúdez vén de publicar unha edición crítica de dous libros de Gonzalo R. Mourullo que, escritos en plena mocidade, constitúen referencia obrigada da narrativa galega. Refírome a Nasce un árbore e Memorias de Tains. Trátase dunha edición moi fundamentada e documentada. E, paréceme, que escrita coa simpatía obrigada para un feito cultural que o crítico valora e co que se identifica. Despois de corenta e cinco anos, volvo ós vellos textos de Mourullo. E o que máis me chama a atención son estes dous feitos: o adiantado que estaba o xove escritor de Calo para aqueles tempos tan facareños e, tamén, a madureza da súa concepción literaria, tanto que neses libros hai moito máis ca unha promesa, porque o que eles poñen de manifesto é a un grande escritor dono do seu estilo, das súas concepcións artísticas, dunha liña segura e poderosa. Cando se fala da nova narrativa galega non sei moi ben que se está dicindo, agás aplicar a algunha da de hoxe un rótulo moi pouco orixinal, da narrativa francesa máis ou menos coeva. Se non queremos caer en simplezas, concordaremos que moi pouco teñen que ver con Mourullo, con Ferrín ou con Camilo Gonsar a maioría dos narradores galegos que lles seguiron. Eles son os rompedores, os que impoñen novas técnicas, novas maneiras de contar e de artella-lo relato. Penso que vai sendo hora de non empregar en van a expresión nova narrativa galega e reservala para moi poucos. Porque aí, na nosa narrativa, como nos viños, temos grandes reservas e outros que non. Non convén misturalos.