O XARDÍN DAS DELICIAS

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS

10 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Non é novo o tema das necesidades e da súa satisfacción. Mais, ¿cales son as necesidades dos galegos como pobo, e como individuos, que deberían satisfacerse? Hai uns 40 anos Celso Emilio Ferreiro definía así ás moi satisfeitas necesidades que facían feliz a un tal Paco Pixiñas: «Teño televisión, / automóvil, neveira / tocadiscos con radio/ (todo da mesma peza), / cociña, lavadoira,/ máquina de dar cera,/ máquina de afeitar/ e de bater as emas./ Teléfono na casa,/ teléfono na tenda;/ o meu fogar parece/ unha central eléctrica./ Teño dous empregados/ i unha criada negra/ que a min chámame DON,/ MISIA a miña parenta/ que está feita unha dama/ moi fina e pispireta,/ que fuma, bebe e veste/ á moda derradeira./ (...) Ademiro aos que mandan,/ estou cos que gobernan,/ que boa sombra acolle/ quen a bó arbre se achega». Trátase da crítica dun producto da sociedade de consumo. O Pixiñas non tiña concencia de pobo ao que pertencía, e os que lle facilitaron a súa felicidade cobráronllo en desarraigo e indiferencia para os problemas da súa terra, dos cuales dependerá o seu futuro. Hai que engadir que o Pixiñas fixo a súa fortuna vendendo e dando gato por lebre. O sistema da anulación da concencia colectiva non é novo, mais hoxe fica tecnificado e Galiza é unha das grandes víctimas del. Cando vemos os alardes dimensionais de gastronomía, e outras cousas, comprobamos que vai ser difícil que acade concencia do que foi o seu pobo e do que podería ser se fose dono do seu destino, cunha cultura propia e un nome milenario como nación, a Gallaecia, cando o resto da penínsua apenas pasaba de ser un territorio amorfo. O Pixiñas xa era unha víctima dos novos tempos de dominación dunha crase por outra. Non hai que esquencerse que o automóbil do pobo, o Volkswagen é unha invención nazi que anunciaba unha nova forma de distraer a atención dos máis mentras unha elite ía facer o que lle petaba para a súa preminencia ou o seu negocio. Os que dominaban no mundo occidental o entenderon ben, sobre todo ante a presión do mundo comunista que amenazaba con subverte-lo todo en nome dunha igualdade social e económica. A mecánica de como se foi implantando a sociedade de consumo é fabulosa, e dá para un estudo moi longo, e moi necesario, pois pode ter os pes de barro ao ser unha satisfacción de necesidades manipulada. Quen ten poder atranca o ter concencia e orgullo de ser galegos, de acordo coas características da nosa cultura diferenciada, doce e maciza cando en tempo románicos foi capaz de poboar a Galiza con máis de cinco centos monumentos relixiosos, pois o poder estaba na igrexa, o que hoxe abraia pola súa beleza e polo que representa como poder económico, que tiña ao ser dona do seu destino, polo que segue sendo necesario recordarlle á rémora do centralismo mesetario o adaxio medieval: Ca tivo Galicia Reyes antes que Castilla leyes.