ANXO TARRÍO VARELA MOI AGUDO
10 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Aquí Barcelona. Para os cataláns aínda non pasou a resaca das palabras do xefe do Estado nas que se afirmaba que ningunha lingua das que recoñece hoxe a Constitución fora obxecto de persecución ou interdicto no pasado. Por se non tivesemos experiencias e anécdotas sobradas do que pasou co galego, a cada momento sácanche nas conversas exemplos de todo o contrario, e de familiares, amigos ou coñecidos que sufriron graves castigos por utilizaren a lingua do país nas súas clases, sobre todo no ensino primario, tratando de se comunicar con meniños que non falaran nunca outro idioma nas súas casas. Este cronista, fillo de mestres que exerceron no rural, podería fornecer ao lector de moitos argumentos demostrando a total necesidade de que os escolantes tivesen (e utilizasen) coñecementos da lingua galega para poder levar a cabo o seu labor sen facer caer en situacións disparatadas e humillantes aos escolinos, malia tentaren cumprir, ata onde podían, coa norma imposta de utilizar o castelán como idioma único do ensino. Frei Martín Sarmiento, a quen se lle vai adicar o próximo ano o Día das Letras Galegas, xa denunciara a situación, esixindo que os mestres e os curas fosen competentes na lingua galega, baixo pena de caer en diálogos absurdos, e doadamente imaxinabeis, cos seus alumnos ou fregreses. Teño esta anécdota que me pasou hai poucos anos cunha velliña compostelá, amiga da familia, que estivera durante algún tempo de mestra nunha localidade de Girona. Ela relataba a experiencia con toda inxenuidade e inocencia, sen se decatar da monstrosidade que se agochaba detrás do que ela consideraba un xogo. O caso era así: cando as nenas entraban na aula, advertíaselles que estaba prohibido falar catalán, e á que contraviñese a orde faríaselle portar cun dos tres cartóns que tiña a mestra, feito que supoñería quedar sen recreo. Unha vez entregadas as tres patacas quentes a tres nenas, as portadoras, se non querían quedar sen o tempo de lecer no recreo, debían tratar de sorprender a algunha compañeira falando catalán para así desfacerse do maldito cartón traspasándollo a ela. Con isto conseguíase que fosen as propias nenas as policías lingüísticas da clase. Un xogo moi entretido, segundo a miña amiga, que en paz descanse.