CARLOS CASARES Á MARXE
23 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.No Brasil, a xente ten unha cortesía semellante á portuguesa: en xeral, son educados e conservan todas as formas lingüísticas, perfectamente codificadas, das boas maneiras. Unha cousa que en España se perdeu hai anos e que parece irrecuperable. E se non, fagan a proba, chamen por teléfono a calquer dependencia pública, incluso as privadas, e verán: con lixeiras excepcións escoitarán un gruñido ou un «que» ou un «si», cando non unha expresión aínda peor. Somos, sen dúbida, o país máis descortés de Europa. Onte fixeime no metro de Río, que está moi limpo, ó revés do que sucede coa cidade, que está bastante sucia. Nos vagóns hai uns carteis que recordan que existen persoas que deben ter trato preferente á hora de ocupar asento. Son catro siluetas en negro: un señor sen unha perna, un home encollido e apoiado nun bastón, unha señora cun neno no colo e unha rapaza en estado de boa esperanza. Todo o mundo as pode entender. Só falta o debuxo dun cura. Digo esto porque cando eu era neno, había que incluír tamén os cregos na lista de persoas ás cales lles había que ceder a praza. Foron os primeiros en perder ese privilexio. Despois viñeron os vellos. Logo, o resto. Agora, sálvese quen poida. Pois ben, volvendo ó asunto da cortesía, Río de Janeiro, a pesar da suciedade, non é unha cidade pintada. Quero dicir que non se ven a penas proclamas nas paredes. Por suposto que hai algunhas. Eu vin dúas, aquí en Copacabana. Unha era contra o «feminismo burgués» e outra apoiaba a loita armada nas Filipinas. Estaban escritas cunha letra impecable.