RECORDOS DE GUERRA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

16 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte, cando volvín de Bilbao, tiña na casa un sobre procedente de Estonia. Antes de abrilo xa supuña que era de Tamara, a rapaza que traduciu uns contos meus á lingua do seu país. Dentro viñan unhas fotos que me fixeron moita ilusión, en parte porque as daba por perdidas, a pesar de que tiña moito interese nelas, e por eso mesmo llas reclamara un par de veces. Aparentemente, non significan nada especial. Aparecemos os dous no campo, eu rindo sen disimulo; ela un pouco máis circunspecta, pero cun certo aire de coña. Esas fotos están feitas en Estonia, nun lugar mítico que se chama Suur Munamäki, o punto máis alto do país, un outeiro que mide exactamente 317 metros. É visita obrigada para todos os estonianos e excursión inevitable dos alumnos das escolas. Os daneses fan o mesmo co seu monte, que mide aproximadamente o mesmo, e os letóns, que teñen o seu teito nun pequeno teto de terra que se ergue 313 metros sobre o nivel do mar. Humillación O que pasa é que 313, comparado con 317, perde por catro. Esa foi a razón de que hai uns anos, un grupo de estudiantes letóns, amolados por esta humillación nacional, atravesaran a fronteira clandestinamente, pola noite, armados con picos e sachos, e decidiron reparar o honor do seu país: arrincáronlle ó monte os catro metros do litixio, quizais uns centímetros máis. A resposta non tardou. As autoridades estonianas puxeron novamente as cousas no seu sitio. Engadiron a terra que fora roubada e por se o inimigo tiña a tentación de repetir a falcatruada, colocaron tamén unha antena. Mellor eso que matar xente.