COMER LAGARTO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

09 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Nalgunhas aldeas próximas á miña vila, cando eu era rapaz, comíase gato. Eu recordo ós mozos de Lamas, por exemplo, celebrando un deses banquetes e facendo bromas á conta do dono do animal, que cazaran de noite por medio dun saco. Tamén recordo a un personaxe pintoresco, que se chamaba Primo, o cal presumía de falar inglés, tiña fama de comellón e aseguraba, relambéndose, que non había no mundo bocado que o igualara. A estas alturas ignoro se falaba en serio ou só pretendía asustarnos ós rapaces, porque unha vez escoiteille dicir que en Brasil, onde vivira, comera sete cobras, preparadas de distintas maneiras, e que sabían a unha cousa entremedias do cabrito e o coello. Podía ser certo, pois está claro que se come todo canto vi-ve, incluso cogomelos venenosos. Supoño que o costume de comer gato era froito das circunstancias da postguerra, nunha época en que a xente pasaba moita fame. Digo esto porque non volvín saber de que os mozos de Lamas practicasen, como costume gastronómico, aquelo que debeu ser pura necesidade existencial disfrazada de gamberrada xuvenil. Comer gato en Galicia, onde se despreza na mesa todo canto non sexa nobre, non pode ter outra causa. Onte escoitei na radio que nalgunha parte de España comen lagarto. Polo visto, sabe a ra. Cando escoitei dicir o primeiro, sentín noxo, pero eso mesmo foi o que comentou a locutora do programa respecto do segundo. Para min, sen embargo, que veño dunha terra onde as ancas de ra son o orgullo da gastronomía local, esa sensación de repugnancia non existe. Con todo, penso que entre o lagarto e a ra, hai diferencias, polo menos desde o punto de vista culinario. Resulta evidente que a segunda ten en contra o seu parecido co sapo, pero nada máis: vive na auga, é limpa e ten unha carne que recorda á do marisco. O primeiro, en cambio, non ten nada ó seu favor, á parte de pertencer ó reino dos reptís e de chamarse cun nome tan feo. Xa sei que non son razóns moi poderosas, pero un ten dereito a ser arbitrario.