XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT
08 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hai oito días inaugurei en Barcelona un ciclo de conferencias sobre as literaturas españolas durante a Guerra Civil, ciclo que organiza naquela cidade o Seminari d''Estudi de les Literatures Ibériques. Na miña disertación falei da actividade dos escritores galegos en Cataluña neses tres tráxicos anos. En Barcelona residiron, máis ou menos tempo, entre outros escritores, Castelao, Rafael Dieste, Xosé Rubia Barcia, Ramón Suárez Picallo, Lois Tobío, Ramón de Valenzuela e Juan González del Valle, que morrería nun campo nazi non moito despois, en setembro de 1941. No ciclo inaugurado hai oito días intervirán especialistas como Anna Rossell (Els escriptors antifeixistes alemanys a la Guerra Civil) e Grabriel Jackson (L''escriptor i la guerra), uns e outros conscientes de que a mellor literatura naqueles anos fixo un esforzo grande á hora de formula-los postulados do antifeixismo, tarefa clave para a intelectualidade daquel tempo. O día 25 de xullo de 1938, Día de Galicia, en Barcelona, no Casal de la Cultura, interviñeron voces vascas, catalanas e galegas para tributar unha homenaxe, desde a distancia física, á Terra martirizada, á Galicia mártir, expresión (de Castelao) moi presente nas alocucións dos oradores do acto. Así se titula tamén o único poema que se leu nesta diada, un poema en catalán de Ramón Massip Tarragó. Comeza, sig-nificativamen-te, con estes dous versos: «¡Ai, Galicia, germana, la mártir / ¡Quina espina t''han clavat al cor!» («¡Ai, Galicia, irmá, a mártir! / ¡Qué espiña che cravaron no corazón»). O poema, que vai traducir ó galego a profesora Rexina R. Vega, presentadora da miña conferencia, figura no número 47 de Nueva Galicia, correspondente ó 1 de agosto de 1938. Clausurou o acto de 1938 Ramón Suárez Picallo, modelo de oradores parlamentarios, que concluíu a súa alocución con vivas a Galicia, a Euskadi e a Cataluña, pero tamén con vivas á República: á República que amparaba os dereitos e as liberdades de Cataluña, Euskadi e Galicia; á República Española asaltada neses momentos pola barbarie do feixismo interior e exterior. Ó regresar de Barcelona, desta cita literaria co antifeixismo, recibo a noticia de que o despacho dun ilustre profesor de Dereito da Universidade de Santiago foi obxecto dunha violencia digna daqueles que, no verán de 1936, exercían o inicuo mester de intimidar ós que opinaban, con argumentos, doutra maneira. O fascismo, de novo. Na miña disertación recordei o triste momento en que as tropas franquistas, na Barcelona de xaneiro de 1939, queimaban os números de Nova Galiza, revista fundada por Castelao. Chegara a barbarie.