A VIXENCIA DUNHA DATA

La Voz

OPINIÓN

XAN MARÍA CASTRO PAZ

30 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

¿Continúa a ser, xa no ano 2001, necesaria e útil a celebración do 1º de Maio? A última palabra téñena os traballadores e traballadoras; pero algo debemos dici-los sindicatos. Hai quen se refire preferentemente á necesidade de recupera-la memoria histórica como forma de reimpulsa-la celebración desta festa. Creo que esta perspectiva, sendo valiosa, non pode se-la única razón desta conmemoración, porque a vixencia do 1º de Maio descansa e debe descansar primordialmente na resposta ós problemas de cada momento histórico. Paréceme que o 1º de Maio debe ser á vez unha conmemoración e un acto reivindicativo. Un acto no que poñamos en primeiro plano as demandas e as reivindicacións da clase traballadora; un acto tamén, no que expresémo-la nosa solidariedade co conxunto dos traballadores e traballadoras e cos pobos do mundo, en especial con aqueles máis oprimidos ós que se lles negan as liberdades mínimas; e tamén, claro está, no que manteñámo-la memoria histórica: coñecer de ónde vimos para saber ónde estamos e ónde queremos ir. Hoxe loitamos por un emprego estable, seguro e con dereitos. O desemprego segue afectando a moita da poboación traballadora, a precariedade atinxe a boa parte do emprego existente (un de cada tres empregados) e azouta a colectivos importantes -entre eles a xuventude e as mulleres- que teñen graves dificultades para accederen ó mercado de traballo. No paro, na precariedade e na sinistralidade témo-lo privilexio, galegos e españois, de estarmos á cabeza da Unión Europea. A vida, a saúde e a integridade física son postas en perigo a cotío por unha patronal que non cumpre a normativa en materia de prevención de riscos e mais por unha administración que, na maioría dos casos, se inhibe. Finalmente, creo que a celebración do 1º de Maio debe ser unitaria, o máis unitaria posible. Desde CC OO de Galicia fixemos un esforzo por celebrar esta data conxuntamente con UGT-Galicia, tendo en conta que nos une moito máis do que nos separa. Conseguímolo na maior parte das vilas e cidades galegas, cunha única excepción que é iso, unha excepción.