Á MARXE / Carlos Casares
16 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.No artigo de onte citaba unha reportaxe do periodista Ryszard Kapuscinski sobre África, na que falaba da fame. Non aludín, sen embargo, a outros aspectos que trataba no seu traballo. Vouno facer hoxe porque creo que teñen interés. Refírome en concreto a unha experiencia vivida polo reporteiro polaco, cando se instalou en Lagos, nun barrio popular, e se atopou con que cada vez que viaxaba fóra da cidade, ó regreso encontraba sempre o piso completamente arrasado, sen lámpadas, sen ventás, sen mobles e cos armarios valeiros. Un día soubo polos veciños que estaba cometendo un error: pechar as portas con chave. Non lle foi fácil entender que para evitar que o roubasen, o mellor era facer exactamente o contrario, é dicir, deixar todo aberto de par en par. Non é que cesaran os roubos, pero disminuiron en intensidade, chegando a convertirse en pequenos furtos sen importancia. Despois de todo, a presencia dun europeo naquelas paraxes, portando sobre si obxectos de luxo, como poden ser un bolígrafo ou un cepillo de dentes, ten moito de provocación para unhas persoas que a penas dispoñen dunha camisa ou dunha pota como todo ben. Un día, Kapuscinsky recibiu a visita dun nativo ó cal coñecía e a quen lle deu queixas de que estaba farto de que o roubasen. O outro dixo que os roubos eran cousa normal, unha maneira de reducir as desigualdades, e ofreceuse como vixiante, pero o periodista deulle as gracias, entregoulle unhas moedas porque carecía de traballo e comunicoulle que non pensaba contratalo. Unha semana despois, o home volveu de visita e pediulle que o acompañara a un mercado onde abundaban os adiviños, os vendedores de erbas, os exorcistas e outras xentes relacionadas co outro mundo. Diante dun posto de venda, suxeriulle que mercara unhas plumas de galo. Logo volveron á casa, o mozo fixo un atado coas plumas, colgounas dun fío na porta e alí as deixou. Acabaron os roubos para sempre. E non lle cobrou nada pola tecnoloxía.