MARINO DÓNEGA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

02 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A poucos amigos quixen máis que a Marino Dónega. Desde que nos coñecemos nos soportais da Rúa do Vilar en Santiago, alá pola primavera de 1967, a pesar da diferencia de idade que nos separaba, convertémonos en amigos. Como lle recordaba eu con frecuencia, pola miña parte non tiña mérito ningún, pois el fixo tales eloxios do meu primeiro libro de contos, daquela recén publicado, que mo puxo moi fácil. Gustábame o seu sentido do humor, que era da mesma finura que o seu espírito profundamente delicado e da mesma factura que a súa intelixencia, extremadamente sutil e aguda. Gustábame a súa bondade e a súa falta de ambición, que moitos confundían con nugalla. Escribía como os anxos, cunha perfección marabillosa, elegante e sinxela, moi esixente, tanto que ás veces o paralizaba. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que versou sobre a obra literaria de Castelao, é un modelo de interpretación e análise crítica, sen pedanterías terminolóxicas, co único obxecto de axudar a entender o estilo dun escritor que foi tamén un modelo clásico. Con ese talento, é unha pena que Marino non escribise máis. Carecía de calquera ambición, como dixen, a non ser a da amizade xenerosa, que cultivaba con esmero e que envolvía en humor refinado e ironía punzante, pero sen ángulos agresivos. Ría sempre, incluso de si mesmo. Por eso costa imaxinalo sen vida, el que derrochaba unha vitalidade contaxiosa. Recordareino sempre co sorriso nos labios, como aquel día que o fun ver ó despacho e lle pedín á secretaria que me anunciase como o bispo de Santiago. Saíu correndo do despacho e pediume escusas porque antes tiña que atender ó prelado, que agardaba na sala de espera. Cando se decatou da broma, riu como se fose el o autor da trasnada. Prometeu que ma habería de cobrar, pero non o fixo nunca. Quedará para outro día. Supoño que se chega a ser, me dirá que me espera San Pedro no ceo. Oxalá que sexa verdade.