Á MARXE CARLOS CASARES
24 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Loxicamente, non tiven a sorte de coñecer a don Manuel García Morente, pero tratei en cambio a varias persoas que o tiveron como profesor na Úniversidade de Madrid. Un deles foi Ramón Piñeiro, que sempre me falou con devoción daquel home, que ademais de dar unhas clases magníficas, era unha persoa encantadora. O mesmo Piñeiro, xunto con dous ou tres alumnos máis, acudiron á casa do filósofo o día da súa morte, ocorrida en Madrid no ano 1942, e leváronlle unhas flores. Naquela facultade de Filosofía e Letras da cal fora decano, arrasada polo vendaval enlouquecido da guerra civil, García Morente brillaba como unha das poucas luces que podían iluminar unha vocación. Abonda ler as súas Lecciones preliminares de Filosofía para decatarse do talento daquel señor. No seu tempo, don Manuel García Morente foi protagonista dun feito moi soado, cando en 1940, cumpridos os cincuenta e seis anos de idade, coa fama ben merecida de ser un excelente profesor, decidiu ordenarse de sacerdote. Para prepararse, pechouse unha tempada no mosteiro mercedario de Poio, preto de Pontevedra. Logo regresou á súa cátedra madrileña, que rexentou ata a súa morte con sabedoría e dedicación. Claro que todo esto pódese dicir de outra maneira. Por exemplo, como sigue: «A García Morente, hasta entonces rector de la Universidad de Madrid y moralista orteguiano más o menos insípido y anodino, se le apareció Jesucristo, o algo así, vaya por Dios, el 29 de abril, con nocturnidad. Después de esa noche damascena se fue de París y se metió a cura». O redactor destas liñas tan pouco obxectivas é Eduardo Gil Bera, autor dunha recente biografía de don Pío Baroja, que a min non me gustou nada, precisamente porque está chea de frases sarcásticas como a anterior, e non só dedicadas ó biografiado. Un intelectual debera absterse destas cousas. Porque un intelectual é aquel que dubida e que respecta, non aquel que sabe e que despreza.