ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
18 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Remata de se celebrar un encontro de editores das linguas periféricas, catalán, eusquera e galego, baixo a denominación que encabeza esta nota. Trátase de recordar, referido á publicación de libros, un nome reivindicativo das culturas diferenciais do Estado español. No acto de apertura recordouse a revista publicada en Buenos Aires entre agosto de 1945 e xullo do 1946 titulada Galeuzca -Galiza-Euzkadi-Catalunya-. Os seus editores eran figuras da Generalitat catalana, do Goberno vasco e do Consello de Galiza, que representaban no exilio en fideicomiso dos dereitos inalienables destes tres pobos. A revista Galeuzca tiña un carácter político. É significativo que o primeiro número se abra cun traballo de Castelao: «La posición ideológica de Galicia». Entre os moitos colaboradores nos 12 números que publicou están Aldasoro, Amezaga, Bastarrechea, Batista i Roca, Cuatrecases, Galíndez, Gurruchaga, Leizaola, Mas i Perera, Nicolau d''Olwer, Núñez Búa, Portela, Valladares, Serra Moret, Josep Trueta, etc., todos mortos no exilio. Mais convén relembrar que a idea que latía nos movementos nacionalistas foi concretada por A. Rovira i Virgili (que tamén ía morrer no exilio), de Acció Catalana, que vai ter un escenario en Barcelona o 11 de setembro do 1923 -a Diada- na constitución da Triple Alianza Nacionalista, acto no que estarán presentes os nosos Federico Zamora e Alfredo Zamora -(éste, morto no exilio, foi o primeiro presidente da Diputación coruñesa na República). O golpe de Primo de Rivera cortou o que ía ser a Galeuzca. No 1933 suscribiuse en Compostela, na sede do Seminario de Estudos Galegos, o pacto Galeuzca, o 25 de xullo, Día de Galicia, con representantes do País Vasco e Catalunya. Un ano despois o goberno de Lerroux e Gil Robles desterra a Castelao e a Bóveda e paraliza as autonomías, e dous anos máis tarde o alzamento militar arrombou estes movementos na metrópolis. Volvendo ao encontro que encabeza esta nota (aínda que unha «S» sustitúe á «Z») penso que faltou o antecedente na utilización do nome prestixioso para reivindicar estas culturas diferenciadas nun Estado plurinacional, que se expresan, tamén nos libros e noutros medios, defendéndose do nacionalista mesetario asimilador. Apenas estiven unha hora nese encontro, no que, penso, os conceptos que deberían unir aos convocados, en xeral, non estaban craros, e víase algunha preocupación comercial desaxustada, e no no digo porque nun foro de culturas periféricas alguén quera publicar en castelán, nin porque outros pensen que hai exceso de editoriais. Conversei con valencianos no encontro. Díxenlle a un que nós rematamos de pubricar un libro do valenciano Juan Chavás. No no conocía e quería saber onde vivía. Informeille que morrera no exilio no 1954. Pero que non se preocupe o meu interlocutor, se le esta nota, porque eu tampouco sabía de Chavás até a pubricación do libro. Este é o drama no que se atopa a nosa cultura e os medios que informan dela.