Á MARXE CARLOS CASARES
16 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O xoves estiven no Ferrol para participar no acto de presentación do libro de Víctor Omgbá, o mozo do Camerún que escribiu un relato sobre a súa experiencia como inmigrante no noso país. Empezamos con máis de media hora de retraso porque esperabamos a chegada de tres xogadores do Deportivo, Songo''o, Mauro Silva e Naybet, que ían participar tamén, e que a última hora non puideron asistir por causa maior. Esa foi a razón de que un grupo de rapaces que agardaban na porta, con bufandas do clube, non puidesen escoitar ó escritor, pois preferiron quedar na rúa, aturando o frío, convencidos de que os tres deportistas ausentes acabarían por chegar. Finalmente, non conseguiron o autógrafo dos seus ídolos e tampouco o de Omgbá. Alguén comentaba alí dentro que parecía mentira que aqueles pequenos preferisen ós xogadores antes que ó escritor. A min pareceume normal. Hai que aceptar que ten que haber xente para todo e que admirar a un deportista non é ningunha cousa extravagante, ademais de que tampouco é necesario que teñamos todos os mesmos gustos nin as mesmas afeccións. O importante foi que había público e que todo saíu ben. Durante a cea que tivemos despois, eu fíxenlle bastantes preguntas a Víctor, que é un rapaz moi intelixente. Tiña interés en que me contase cousas da súa experiencia como inmigrante, ademais das que conta no libro, e que me falase do seu país. Chamoume a atención que no Camerún haxa persoas que se poden instalar como parásitos na casa dun parente, aínda que sexa lonxano, e vivir alí sen facer nada. Estaría tan feo botalos ou pedirlles que se fosen, que ninguén se atrevería a cousa semellante. Visto con ollos de aquí, estaríamos diante duns gorróns espabilados. Naturalmente, esa non pode ser a óptica de alá, pois nese caso habería conflicto. Está claro que as palabras se poden cargar con bala ou con algo que, como ocorre neste caso, eu non sabería dicir como se chama.