A VINGANZA DUN MONO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

23 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Contei onte aquí, a propósito desa pomba triste que vive en Nova York e que parece ser a reencarnación do antigo propietario dun restaurante de Manhattan, que ó novelista Nelson Algren o invitou unha vez un mono a cacahuetes. A min nunca me pasou nada semellante, pero hai tempo, un día que acudín, facendo de pai, ó zoo de Madrid cun dos rapaces, que tiña sete anos, vimos a un mono grande e abusón que lle estaba pegando unha malleira a un veciño máis pequeno con aspecto de bebé. Despois de zurrarlle todo canto quixo, o bárbaro non puido evitar que a víctima conseguise fuxir e fose correndo a buscar á súa nai, que se atopaba algo lonxe e non se percatara de que lle estaban batendo a un dos seus fillos. O que máis me chamou a atención, nos momentos que seguiron, foi a maneira que tiña o pequeno de acusar ó culpable. Medio escondido detrás da nai, co medo metido aínda dentro do corpo, sinalaba co dedo índice da man dereita ó malandrín, ó tempo que daba uns berros histéricos, pedindo a xustiza que necesitaba. Recordoume a un compañeiro meu de escola, o Pepito Almidonado, un acuseta que facía o mesmo con nós diante do seu pai. Logo veu o mellor: o desquite. A nai, unha señora gorda, con cara de malas pulgas, achegouse ó mangallón para pedirlle explicacións, pero o ladilla, nada máis vela adiante, saíu correndo como alma en pena, coa dignidade tirada polo chan e a chulería metida entre as pernas. Un miserable. Estiven esperando que se consumara a vinganza, que chegou pronto, o tempo xusto que a mona tardou en acurralar ó mono. Nunca vin unha cara tan de covarde como a daquel tipo, transformado de repente en ovella, en año, en galiña, en nada. Apañou ben, mentres daba berros mirando para o pequeno, que aparecía feliz. A xente que contemplaba o espectáculo botouse a aplaudir. Eu repriminme, máis que nada por non lle dar mal exemplo ó rapaz. Unha pena que a vinganza sexa pecado.