POLDERIZAR

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ DÍAZ OS PASOS PERDIDOS

15 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Contado hoxe a cousa pode parecer un chiste, pero non o é. Cando en 1953 Franco visitou Doñana ocorréuselle unha gran idea: desecar ese espacio natural para transformalo nun gran eucaliptal. E aínda que semelle un milagre, pois naquelas datas ¡calquera se atrevía a rebater ó dictador!, o disparatado proxecto topouse ca firme vontade e intelixencia dun grupo de científicos e conservacionistas que loitaron para paralizalo. Un deles, o catedrático Francisco Bernis, envioulle a Franco un informe no que expoñía os fundamentos da oposición á repoboación, aducindo o carácter depredador da especie, á vez que reclamaba protección específica para o coto. Sen dúbida este informe é a primeira voz de alarma que se produce en España sobre o efecto pernicioso do eucalipto para o medio ambiente, e ten ¡nada menos! que case cincuenta anos, polo que non está de máis recordalo agora, xa que desde aquela non so inzamos o territorio costeiro de eucaliptos e extendimos esta especie cara o interior, senon que, ó contrario do acontecido con Doñana, desecamos a lagoa de Antela e outros moitos humidais dos que xa nin queda memoria, e tamén algunhas das nosas rías, que son os espacios naturais de maior riqueza biolóxica e económica do país. Para ilustralo aí van dous exemplos: o fondo da ría de Viveiro, que foi canalizada e urbanizada, e a de Cee, onde o mar debía de molestar tanto que non deixaron rastro del. Tivemos moita sorte de que a Franco non se lle ocurrira polderizar e desecar a ría de Arousa para plantar eucaliptos, poño por caso, porque hoxe, á vista dos nosos escasos éxitos, Galicia tería unha ría menos.