Á MARXE / Carlos Casares
09 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Unha vez, ceando na casa duns amigos, en Suecia, a anfitriona, unha muller guapa, con cara de anxo pillabán e rebelde, díxome que falaba algo de español. Ante a miña sorpresa, soltoume de carretilla, nun acento divertido, uns versos espantosos: «En Zamora, vive una señora; tiene cabeza y bebe cerveza». Pregunteille de ónde sacara aquelo e contoume que foran as primeiras palabras que compuxera nesa lingua, convencida de que xa a dominaba con perfección. Acordeime desta historia onte, precisamente cando pasaba por Zamora camiño de Salamanca, con frío, chuvia e morriña no ceo. Espero que a autora daqueles versos non se dedicase á poesía, por ben para a literatura, aínda que tamén se podería dedicar a escribir poemas como aqueles por facer rir ós seus amigos. Achegueime a Salamanca para participar nunha homenaxe a Gonzalo Torrente Ballester, que gozaba moito cos versos malos. Foi el o que me deu a coñecer aqueles de don Juan de la Cova que din así: «Vente, niña, conmigo a La Gudiña, la hermosa aldea donde la nieve abunda y el pino tea». A estas horas, cando escribo este artigo, na tarde do venres, aínda non comezaron os actos, que se iniciarán arredor das nove. A Torrente vano poñer en estatua de tamaño natural sentado nun café da Praza Maior a onde acudía polas mañás. Naquel café fixéronlle unha vez unha reportaxe fotográfica espléndida, na que aparecía vestido de tanguista, cunha pinta encanallada que se podería pensar que era un arrastrado de arrabalde. Teño curiosidade por ver esta escultura, e comprobar a cal dos Torrentes posibles retratou o artista. Se o escritor vivise e tivese que asistir a este acto, estou seguro de que se achegaría á súa figura, miraría para ela con rapidez (era tímido), faría un xesto coa boca moi característico, igual que se tivese un caramelo na boca, daría media volta apoiándose no bastón e diría: «Vamos a tomar un café». Oxalá que sexa o Torrente a quen captou o escultor.