A CASA DE DON WENCES

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

02 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Aproveitei unha viaxe á Coruña para achegarme ata Cecebre, no concello de Cambre, e visitar a casa de Wenceslao Fernández Flórez, recentemente adquirida pola Deputación para ser dedicada a sede da Fundación que se vai encargar de manter viva a memoria do escritor. Estiven vendo algúns dos obxectos que pertenceron a el, como a máquina de escribir, un par de aparatos de facer cigarros, unha calculadora, unha libreta de notas e varias caricaturas. Cando ía dar unha volta polo xardín, atopeime cun señor que resultou ser un home de verbo fácil, usuario dun galego excelente, co cal me puxen a falar. Coñeceu a don Wences, para quen fixo traballos como electricista, tanto en Cecebre como en Madrid. Sabía cousas do personaxe e tireille da lingua para que me contase. En primeiro lugar, decateime de que lle garda devoción. Logo pareceume tamén que esa mesma devoción non se extendía a todo o entorno do periodista, pois nun momento, referíndose a unha señora que residiu na casa, emparentada políticamente co propietario, chamoulle pendanga. Non me explicou por qué lle chamaba así, de maneira que tirei a conclusión de que algún disgusto deberon ter. Liortas domésticas, quizáis. Supoño que nunha conversa máis longa, non sería difícil sacarlle datos interesantes a este home, observados desde fóra da literatura, máis fiables, polo tanto, que se procedesen dun intelectual. Contoume, por exemplo, que un día, ó chegar á casa de Fernández Flórez para facer uns arreglos, atopouse alí con Franco e señora, que viñeran de visita, procedentes de Meirás. Non conseguín que me explicara nada máis, pero fixo unha acotación que me sorprendeu. Dixo: «Polo visto, segundo contaban, don Wenceslao era o que lle puña en latín os discursos a Franco». A min ocorreume comentar algo así como que non sabía que Franco falase latín. «Sabía, sabía», respondeume. Pode ser. Despois de todo, fixérono coengo da catedral de Valladolid.