Á MARXE CARLOS CASARES
18 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Don Ramón Otero Pedrayo naceu no segundo piso dunha casa situada na rúa que antes se chamara dos Zapateiros e que despois pasararía a chamarse Rúa da Paz. Fronte por fronte da casa de don Ramón, vivía Xaquín Lorenzo, profesor e etnógrafo, e un piso máis arriba, Julio Losada. Este último, un home novo, tiña intrigado a Otero, que o foi convertindo pouco a pouco nun personaxe misterioso, do que dicía que entraba e saía do portal a horas moi raras, como se estivese metido en conspiracións políticas ou en negocios nouturnos rodeados de perigos. Con todo, o que máis inquietaba a Otero Pedrayo daquela veciñanza era que Losada, segundo o propio escritor, podía velo en calzoncillos polas noites. Tanto a personalidade aventureira atribuída a Julio Losada como o medo a ser sorprendido en panos menores formaban parte do mundo literario de don Ramón, que transformaba a vida enteira en literatura. De min díxolle unha vez a Ramón Piñeiro que casara cunha princesa sueca e que, cada vez que ía a Suecia, me recollía na estación un coche tirado por seis cabalos, o cal me levaba despois ata un pazo onde me recibían vinte criados con fachóns acendidos, todos vestidos de librea. Contrasta este personalidade romántica coa de Pío Baroja, de quen acabo de ler un ensaio escrito polo meu amigo Pepe Esteban. Como tantos rapaces do seu tempo, un día Pepe foi ver a don Pío á súa casa. Nada máis erguerse do sillón, a Baroja caéronlle os pantalalóns e quedou durante uns segundos en calzoncillos, reais e non metafóricos, como os de Otero. De seguido lle falou mal de Azorín («Azorín siempre está en las nubes, pero para cuestiones de dinero baja enseguida a la tierra»). Xa se sabe que don Pío era lengoreta, ó revés de Otero, que non falaba mal de ninguén. Tamén tiña fama de misóxino. Por eso me sorprendeu que animase a Esteban a visitalo, engadindo: «Venga con chicas». Non imaxinaba a Baroja tan romántico.