UN CANTO DE AMOR

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

17 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O día 6 de xuño do ano 1944, cando os aliados desembarcaron en Normandía, Isaac Levendel, un neno xudeo francés que entón tiña oito anos de idade, perdeu á súa nai. A señora acudira aquel día a buscar algunhas provisións a un almacén próximo, co propósito de abastecerse de víveres e outros artículos de primeira necesidade e agacharse despois nunha aldea próxima a Avignon. Non volveu nunca máis. Anos máis tarde, Isaac Levendel sabería que a súa nai fora arrestada pola Gestapo e que morrera asasinada polos nazis no campo de exterminio de Auschwitz. Atormentado por este suceso, un día tomou a decisión de reconstruír os feitos, dos que non sabía case nada, e púxose a investigar nos arquivos co fin de coñecer con exactitude o que realmente tiña pasado con aquela muller. Levou algunhas sorpresas. A primeira, que non foran membros da Gestapo, como el supuña, os que practicaran a detención. No sur de Francia funcionaba daquela unha rede criminal formada por franceses que se dedicaban a cazar xudeos para venderllos logo ós alemáns por unha cantidade de diñeiro. Ese era o caso que el andaba investigando. De maneira que a temible policía alemana fora simple recipiendaria dun botín capturado por xente cobizosa. Atopouse tamén con que o responsable do arquivo, que pasaba por ser un activo membro da resistencia patriótica contra os alemáns invasores, en realidade fora un dos encargados das deportacións de xudeos, como ocorrera no caso da súa nai. Nesta altura da investigación, Levendel debeu quedar completamente desolado. Sucedeu, sen embargo, que ademáis destes exemplos, atopouse con que nos arquivos quedaba constancia da axuda prestada ás víctimas por moitos cidadáns anónimos, a maioría dos cales se xogaron a vida por salvar a persoas completamente descoñecidas. Á final escribiu un libro, que acaba de aparecer nos Estados Unidos, e que é un canto de amor. Á súa nai e á xente boa que tamén existiu.