Á MARXE CARLOS CASARES
15 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Cando lle deron o premio Nobel de Literatura a José Saramago, eu participei nun coloquio radiofónico co escritor, por teléfono, desde unha estrada próxima a Berlín. Nun momento do programa, o director dixo que ó outro do lado do fío telefóncio se atopaba tamén o traductor español do novelista portugués, Basilio Losada. Durante uns minutos, produciuse un auténtico diálogo de besugos, pois as respostas do último dos incorporados ó programa resultaban disparatadas, ademais de que daba a sensación de que se estaba burlando de todo. Por fin aclarouse o que sucedía: por unha equivocación, os encargados de conectar con Basilio Losada chamaran a un señor do mesmo nome, pero que nada tiña que ver coa traducción das obras de Saramago. Algo parecido sucedeu hai pouco co escritor José Jiménez Lozano, un home dun talento excepcional, pero pouco coñecido do gran público porque vive alonxado da vida literaria, pechado na súa casa de Valladolid. Entre os libros que escribiu figura un traballo magnífico sobre os cimiterios civís, esa lacra que durante anos mantivo divididos ós españois incluso ata máis alá da morte. O caso foi que a alguén se lle debeu ocorrer que estaría ben facerlle unha entrevista a don José sobre ese asunto e decidiron chamalo por teléfono. Coa cordialidade de sempre, o sabio foi respondendo ás preguntas que lle facía o locutor, pero con frases cortas, como se non tivese ganas de falar, ou contestando que non sabía. A verdade é que as preguntas eran bastante estúpidas. O entrevistador só quería saber o precio dun enterro, as cousas raras que aparecían nas tumbas ou o medo que se pode sentir diante dos mortos. Así ata que quedou claro que confundira a Jiménez Lozano cun enterrador. Cando alguén lle soplou ó periodista o que estaba pasando, pediu disculpas. Don José, sen enfadarse, deulle as gracias por facerlle unha entrevista tan divertida. Un sabio pode convertir un bochorno nunha diversión.