ALGUNHAS ENCRUCILLADAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

10 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Contaba onte aquí que Hitler, cando vivía en Viena, andivera nun negocio para vender un crecepelo milagroso, que lamentablemente non funcionou. Se chega a funcionar, o século XX seguramente sería bastante distinto de como o coñecemos. Esa foi, sen dúbida, unha das moitas encrucilladas nas que a historia, encarnada naquel personaxe, colleu polo camiño que non debía coller. Ocorreu varias veces. Outra delas, cando un carpinteiro colocou unha bomba dentro dunha columna, xusto detrás do lugar onde falaba o líder nazi, pero que estralou á penas uns minutos despois de que éste se fose. A máis famosa de todas, sen embargo, foi a do explosivo que uns militares patriotas conseguiron introducir no salón onde Hitler celebraba unha reunión para discutir asuntos relacionados coa marcha da Guerra. No caso das dúas bombas, o peor de todo foi que morreu bastante xente. Por outra banda, aínda que os atentados conseguisen o obxectivo de acabar co monstro, xa non se podería evitar unha parte do mal causado. En cambio, polo que respecta ó crecepelo, se a empresa chegase a ter éxito, quizais se lograría desviar a Hitler do mundo da política e encamiñalo cara ós negocios, e só co coste duns poucos calvos estafados. Houbo máis oportunidades. A primeira, que a Hitler o suspenderan dúas veces na Escola de Arte, cando quería ser pintor. A outra ten que ver con aqueles anos nos que caeu na miseria, por vago, e se convertiu nun mendiño desfarrapado e cheo de piollos, que durmía nos bancos da rúa ou nos albergues para pobres. Non se trata de querer que quedase sumido naquela triste condición para sempre, condenado a ser unha figura pintoresca, dedicado a gañar uns céntimos vendendo paxariños, facendo pompas de xabrón ou tocando un instrumento. Podía incluso saír da mendicidade por intercesión dalgunha alma caritativa (unha monxa, un cura, unha dama da boa sociedade) e dedicarse a facer recados, por exemplo.