Á MARXE CARLOS CASARES
02 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A última vez que vin a Ánxel Fole foi un ano antes de morrer, cando coincidín con el nunha misa en Padrón, creo que en lembranza de Rosalía. As persoas que trataron ó escritor lugués saben que era un home orixinal e despistado, máis alá de calquera convencionalismo, pero totalmente natural. Tamén saberán que tiña un tic lingüístico que consistía en dicir sempre «si señor» como remate da maior parte das frases que pronunciaba. Eu coñecinno un día na casa de Ramón Piñeiro e chamoume a atención que aquel vello con aspecto bondadoso, que escoitaba música nunha esquina da galería, de cando en vez dixese en voz alta frases como «Beethoven, si señor», ou tamén «El Consejo Económico y Sindical del Caudillo, si señor». Aquel día de Padrón, mentres o cura oficiaba, Fole estaba preocupado por dúas cousas, que expresaba a voces, sen que lle pasase pola cabeza a idea de que o seu comportamento podería parecerlle raro ou pintoresco á xente que non o coñecía e o escoitaba. Unha das frases que repetiu oito ou dez veces foi: «¿Por que Isaac Díaz Pardo traerá un paraugas, si señor, un paraugas?» A outra: «¡Ai que ver qué mal anda o mundo! ¡Si señor, qué mal anda o mundo!». Esto de que o mundo anda mal foi a frase que máis se dixo nestes días, con motivo do cambio de milenio, aínda que poucas veces a escoitei con aquela inocencia con que a pronunciaba Fole. En xeral, agora ía envolta en papeis preciosos: unhas veces, puro adorno feito a base de retórica sen contido; outras, fermoso disfraz para construír un discurso aparentemente profundo, pero de ideas lixeiras de celofán. Esto de que o mundo anda mal, vense dicindo desde que existe o mundo, cun tono parecido, só un pouco máis ou un pouco menos cargado de bombo. Hai quen asegura que un se fai vello cando empeza a ver os futbolistas como nenos. Falso. Un faise vello cando se atreve a dicir sen pudor que o mundo anda fatal. E que os mozos son un desastre.