ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO
01 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Agricultura-ficción: ó ritmo actual, segundo informa este mesmo diario, a concentración parcelaria en Galicia non se culminará ata o ano 2087. Feliz 2087. Infelices os que nunca chegamos cando queremos chegar. O proceso comezou en 1953. O que foi unha vella aspiración de progreso estase quedando máis en vella ca en progreso. O que se leva feito na concentración, amais de lento, está bastante mal feito: destrucción medioambiental, adxudicacións polémicas e excentricidades, cando non corrupcións manifestas, na súa aplicación. O imperio do minifundio vai ter os mesmos problemas cás zonas de grandes terratenentes: terras ociosas. Ociosidade agropecuaria: metáfora da regresión histórica. Non fai falta esperar a 2087, hoxe xa faltan brazos, ilusións e, sobre todo, circunstancias favorables para a reforma agraria de Galicia. Cando se vive, se ama e se odia en Galicia, hai que poñer un ollo no retrovisor da historia e outro na leira inmensa do inacadable. A concentración acabará tarde, as autovías e a modernización do tren só van rápidas nas especulacións electoralistas dos poderes sucesivos. A modernización da gandería foi tan serodia que cando comezou a producirse quedou anulada polas cuotas da UE. A industrialización nunca se culminou porque tropezou coa reconversión. A normalización do idioma chegou tan tarde e tan tímida que será vencida pola globalización mediática e cultural. Concentración parcelaria do meu pesimismo histórico: segundo o ritmo demográfico, poderíase calcular que o derradeiro e único galego será un individuo do dous mil cento e pico. Tanto tén. Seguro que tamén chega tarde.