ENTRE DOUS DEBERES

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

23 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Ninguén coñece mellor os meus ollos que o meu oculista, que mos ven tratando desde cando os dous eramos estudiantes, el alumno dos últimos anos de Mediciña, eu dedicado a estudiar cousas inútiles, aínda que algunhas delas certamente fermosas, na vella facultade de Filosofía e Letras. Foi entón cando souben que tiña unha miopía traumática no ollo dereito, consecuencia da furia dun rapaz da miña idade que, despois de perder un partido de fútbol por once a cero contra o noso equipo, colleu o balón ó final do encontro e lanzou un pelotazo que tivo a desgracia, polo menos para min, de ir estrelarse contra o meu ollo dereito. Desde entón quedoume un pequeno problema, co cal convivo sen dificultades, sen molestias e sen lentes. Os lentes, aí está a cuestión. Sucédeme con algunha frecuencia, como me ocorreu hai uns días, que cando me para a policía de tráfico e me pide o carnet de conducir, atópase con que nunha das súas páxinas di que debo facelo con «lentes correctoras», que é como na administración encargada da circulación lle chaman ás gafas. Sen embargo, como o meu oculista asegura que non as necesito, loxicamente sigo ó pe da letra a súa recomendación. O caso é que me sinto como Antígona, dividido entre dous deberes. Para ela, como se sabe, tratábase de darlle sepultura ó cadáver do seu irmán, tal como ordenaba a lei divina, ou deixalo podrecer ó aire libre, segundo mandaban as leis do tirano. Elixiu a primeira opción, cumpriu coa conciencia, pero tivo que pagar coa vida. A min, nesta cuestión administrativa, o que me pide o corpo é rebelarme contra a norma, por irracional, e seguir o mandato da miña conciencia, representada polo meu médico. O que pasa é que, no primeiro caso, expóñome a unha sanción, mentres que estou seguro de que o oculista non me vai poñer unha multa por chegar con lentes á consulta. A heroicidade, aínda que sexa pequeniña, nunca é fácil para quen temos un carnet.