Á MARXE / Carlos Casares
14 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Probablemente xa teño falado aquí noutra ocasión do que vou referir, pero non importa, pois ven a conto. Trátase dun señor de Xinzo que exerceu durante unha tempada como fiscal. Era un home algo raro, a quen un día eu lle escoitei dicir na miña casa, falando coa miña nai, que tiña trinta e seis cualidades, unha das cales consistía en imitar os paxaros sen que os interesados sospeitasen da trampa. Pois este individuo, actuando no xuzgado, unha vez quixo pedir a pena de morte para un rapaz que lle batera á nai. Oínllo contar ó meu amigo Luis Romero Becerra, que non me deixará mentir, e que era o xuíz daquel caso que a punto estivo de rematar en esperpento. Non foi o único disparate que se perpetrou naquel xuzgado. Anos antes, outro fiscal, a quen a xente lle chamaba David Lamprea, púxose a acusar á víctima, o doutor Martínez Biel, e a defender ó acusado, un mozo a quen se coñecía polo alcume de O Cabalo. Non contento con eso, permitiuse incluso insultar ó citado doutor, insinuando que estaba tolo, pero tratando de dicilo de maneira suave. Dixo: «Aquí todos sabemos que el doctor Martínez Biel es más o menos romántico». Pois como romántica e compasiva acaba de definirse unha das xuíces máis duras de Texas, nos Estados Unidos, o lugar onde máis penas de morte se aplican. O de romántica non sei en qué consiste, aínda que supoño que ten que ver co cine que lle gusta, pois tomou a decisión de dedicarse á xudicatura despois de ver unha película, pero o de compasiva explicouno cun exemplo. No caso de que alguén poida ser condenado a noventa anos de prisión, ela pode pedir que a cousa quede só en oitenta. Pura compasión que ten un límite: a pena de morte. Neses casos, conténtase con sufrir en silencio. Lendo todo esto nunha revista americana, paréceme que a xustiza do señor Lamprea de Xinzo de Limia non era máis espérpentica, pero si bastante menos parcial, moito menos cruel e infinitamente menos manipuladora.