LEXITIMIDADES

La Voz

OPINIÓN

AQUÍ FORA / Xuli Ríos

14 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

A democracia americana semellaba abocada a ter que inventarse a terceira lexitimidade. Fronte á ilexitimidade golpista, podiamos destacar ata agora a lexitimidade democrática, asentada esencialmente na idea de cidadanía; e a lexitimidade revolucionaria, inseparable dese concepto de vangarda que co apoio máis ou menos evidente das masas faise co poder político. En Washington, a Corte Suprema levaba camiño de edificar a terceira lexitimidade, a xurisdiccional, para saír do intrincado labirinto do polémico reconto de votos. Despois de máis de cinco semanas de ir e vir e cos 25 representantes designados pola Cámara de Florida, os xuíces do Supremo sorprenderon a todos cun fallo confuso e complexo pero que, en resumidas contas, convidaba a Gore a presentar a súa renuncia para evitar unha investidura xurisdiccional que desvirtuaría a esencia democrática da elección. Por fortuna, o candidato demócrata e os seus asesores leron ben o entreliñado da sentencia, evitando que un poder xudicial emerxa formalmente como o derradeiro depositario da soberanía. Máis alá de risas e do comprensible fastidio e mesmo da canseira da opinión pública, compre salientar a enorme fortaleza do sistema americano. Quizáis en Estados Unidos é así porque no país máis poderoso do mundo o poder está tan fragmentado que aínda cos sucesores pelexando entre si, un presidente pode despedirse desde Belfast porque todo vai funcionando coma se nada. Ou porque realmente o poder non está donde parece e radica neses outros poderes que non precisan eleccións para ser lexitimados.