LUGO: PATRIMONIO DA HUMANIDADE

La Voz

OPINIÓN

CRÓNICAS DO TERRITORIO / Xerardo Estévez

06 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Toda Galicia acolle con satisfacción e orgullo a inclusión da muralla de Lugo na lista do patrimonio mundial da UNESCO. Ó fío do entusiasmo xeral, quizais conveña facer algunhas consideracións en canto á natureza desta declaración, e tratar de dilucidar, á vista das experiencias coñecidas, que efectos pode chegar a ter. En primeiro lugar, un recoñecemento desta índole serve para incrementar a autoestima da poboación, porque é posible que os cidadáns, afeitos a vivir nese contexto, non sexamos plenamente conscientes do valor do patrimonio histórico que nos rodea. Pero autoestima non quere dicir compracencia, senón que comporta a asunción dunha responsabilidade. Neste caso, o compromiso non afecta só o trazado da muralla, senón tamén o que encerra o seu perímetro e o que o rodea, isto é, toda a cidade de Lugo. Esta responsabilidade leva consigo un traballo constante e conxunto entre os sectores institucionais e cívicos, que ten que servir como plataforma para desenvolver accións aglutinadoras das administracións e opcións políticas diversas, coas asociacións empresariais e cidadás. Hai algún caso que proba que a declaración, de seu, non o resolve todo: velaí Teruel, coa súa marabillosa arquitectura mudéxar, inscrita na lista do patrimonio mundial, e pese a iso os turolenses tiveron que saír masivamente á rúa esta mesma semana para reivindicaren que «Teruel también existe». As declaracións máis oídas nestes días en toda España, desde que se coñeceu a decisión da UNESCO sobre a inscrición de cinco novos bens, fan fincapé no que levan aparellado de promoción, de darse a coñecer a escala mundial, de atractivo turístico. O turismo como monocultivo pode ser moi rendible desde o punto de vista económico, pero é socialmente empobrecedor se, ó final, acaba por transformar unha cidade viva nun parque temático. De aí que as políticas de promoción teñan que ir acompañadas do labor de conservación do patrimonio e, simultaneamente, do tecido social, para que a vida permaneza, se renove e medre na cidade histórica. E xa que falamos da sociedade, a declaración ten que levar aparellada unha nova conciencia cidadá: o peso da historia, ás veces, actúa como unha lousa que impide vivir o presente e afrontar o futuro con decisión. Cómpre auspiciar unha nova cultura cidadá que combine a protección do patrimonio coa capacidade de transformación, que permita a innovación cultural ó mesmo tempo que o respecto pola tradición; nunha palabra, que exprese un pálpito de conxugar o tempo do pasado coa proxección do futuro. Por último, é necesario subliñar que a razón pola que hoxe nos congratulamos implica un factor de corresponsabilidade con Lugo. Todas as administracións, sobre todo a autonómica e tamén, cómo non, o Estado e a mesma Unión Europea, hanse facer corresponsables, xunto co Concello e os lucenses, da conservación e a promoción da muralla. Ábrense diante de Lugo novas canles de cooperación con outras cidades -non só españolas- que comparten o mesmo título. E agora, unha vez alcanzado o obxectivo, tan orixinalmente como eficazmente defendido, ¿que se pode facer? A resposta ó síndrome do día despois, desde o meu punto de vista, parece clara: hai que desenvolver proxectos novos, froito da ideación, cheos de iniciativas de toda índole: estratéxicas, territoriais, urbanísticas, económicas, culturais, patrimoniais, etcétera. Estou certo de que a cidade de Lugo conta xa con eles. Os dous bens que Galicia tiña incorporados ó patrimonio mundial, Compostela e o Camiño de Santiago, aproveitaron a oportunidade para desenvolveren programas que xa estaban preparados. Isto non foi só beneficioso para aquela cidade e para os composteláns, para o Camiño e para as poboacións que o flanquean, senón para Galicia no seu conxunto, que a partir da promoción destes dous bens recibiu un impulso sen precedentes. A declaración en si non supón ingresos efectivos por parte das institucións internacionais, pero é un magnífico pasaporte para chegar alí onde se toman as decisións. O Concello de Lugo, as súas institucións e os seus cidadáns veñen de demostrar a capacidade e imaxinación necesarias para faceren fronte ás tarefas que teñen por diante.