VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS
01 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Hai tempo que sosteño a teoría de que o pesimismo é reaccionario e que, sobre todo neste país noso, tan dado á depresión (en parte polo clima, supoño), cómpre apostar polo futuro, polas estratexias de cambio e polas accións posibles. Unha ollada ás últimas décadas non é para se descorazonar. En vinte anos de autonomía e democracia (o período máis longo da nosa historia, sen dúbida) as transformacións sociais foron evidentes e non precisamente para mal. Certo que algúns deses cambios significaron, ou están a significar, a perda de elementos ata agora moi representativos da sociedade tradicional, incluso marcas de identidade colectiva, mais tamén é certo que así foi sempre nos cambios históricos, que non hai progreso sen transformacións e que, en calquera caso, a identidade é algo que se constrúe cada día, na medida en que unha sociedade ten capacidade para elaborar respostas propias (orixinais) perante o desafío dos tempos. Os últimos días, sen embargo, son especialmente preocupantes. A flota dos caladoiros de Marrocos vive momentos críticos. Son arredor de 150 buques e máis de duas mil familias afectadas, sen contar empregos indirectos e servicios auxiliares. Tempos difíciles para o sector primario (agricultura, gandería e pesca), que ocupa a case 190 mil persoas no país e constitúe a raíz histórica da nosa economía (e da nosa cultura tradicional). O sector lacteo, que podía ser unha liña de crecemento obxectivo, está cada vez máis coutado, mancado polos intereses das compañías transnacionais. Os procesos de comercialización dos productos alimentarios, posible vía de desenvolvemento e modernización dunha parte moi importante da poboación agraria, aparecen fortemente mediatizados tamén por empresas de capital extranxeiro (francesas, USA) con estratexias particulares nos mercados exteriores, moi especialmente no mercado comunitario. Temos deficiencias graves que cómpre empezar a considerar en serio. A nosa cultura empresarial non foi case nunca unha cultura proxectada cara ó exterior, agás excepcións notables que confirman a regla. Aínda hai pouco, nas páxinas deste xornal apuntábase que o 80 % do empresariado galego non desenvolve ou non se dota deste tipo de estratexias, fundamentais diante da inevitable apertura de mercados, e decisivas na década inmediata, na que ficará definitivamente establecido o espacio comunitario. Vivimos cara adentro e á defensiva, cando non na subsistencia. Tampouco somos unha sociedade construída sobre modelos de competitividade, máis ben ó contrario, tendemos ó proteccionismo e ó paternalismo. Cando non nos instalamos no victimismo, pasamos polas cousas coma se non fosen con nós e intentamos colarnos pola porta de atrás. O das cotas lácteas foi un exemplo Vacas tolas E agora, as vacas tolas na casa. ¿Qué capacidade temos para reaccionar? A determinación da Xunta de clausurar temporalmente a actividade de 46 explotacións gandeiras é, probablemente, unha medida necesaria, mais tamén a constatación dun problema grave que o público (a sociedade) percibe como non de agora, senón de vello, e que en moitos aspectos ten que ver coas estructuras sociais, económicas e culturais do país. Por unha banda, un modelo económico fundamentado no máximo beneficio e sen a penas control, obsesionado pola procura do crecemento rápido, a alta competividade e a penetración acelerada do capital sen patria (as transnacionais). A propia Unión Europea está a ser unha víctima. Por outra banda, unha economía pequena, demasiado próxima da subsistencia (a premodernidade), con moi poucos mecanismos incluso para valorar o que ten, e que se fai trampas a si mesma: tráfico clandestino de cabezas (a través de Portugal, segundo se explica agora), desprecio ou desconsideración pola calidade de marca, picaresca inmediatista. Pan para hoxe e cataclismos para mañá.