XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT
21 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Coas «flores» publicadas en Galicia polos turiferarios de Francisco Franco nos primeiros meses da Guerra Civil poderíase compoñer un florilexio de centos e centos de páxinas. Os botafumeiros do Caudillo foron, en efecto, moitos, algúns de pluma ilustre: Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Eugenio Montes, Noriega Varela, Julio Sigüenza... Eu, neno de escola nesas datas, fun educado nesas «flores», neses ridículos textos. Moitos anos despois, en 1997, compilei e estudiei parte desa literatura nun libro, único no seu xénero, titulado Os poetas galegos e Franco. Amosamos algunhas das flores, case collidas ó chou no libro citado: «Galleguito lindo...! Orgullo de España» (Marina Cascallar); «Brújula y destino / Señor de milagros» (Herminia Fariña); «el invicto, el preclaro, el conceptuoso nuestro Generalísimo» (Francisca Herrera); «Franco, que al ígneo sol ofusca el brillo» (Leocadio López); «orgullo sonriente de Galicia» (J. C. Cardama); «el Apóstol Santiago encarna en Franco» (Carmiña Prieto Rouco); «en tu frente serena / brilla el dedo de Dios» (Mercedes Viso Troncoso); «tengamos fe en su ciencia» (María Badals); «y apareció él, eximio, sereno, sonriente» (Dolores del Río Sánchez-Granados). Noutros espacios _Madrid, Barcelona, Buenos Aires_ os poetas exercitaron a Francofobia, ás veces, cun talento rexoubeiro digno das mellores sátiras. En 1938, Florencio Delgado Gurriarán rima con gracia estes «toxos»: «Franco, Franquiño, / piquirrichiño: / nas nádegas de Hitler / puxeche o fuciño». Pero eu, neno de escola daquela, fun educado nas «flores», non nos «toxos». Sei dun poeta que, despois de saír da cadea, viviu tan aterrorizado na «longa noite de pedra» que nin folgos tivo para facer poesía Francófoba, unha tarefa que, sen dúbida, liberaríao un pouco da lousa de medo baixo a que respiraba. Este poeta, un dos nosos grandes helenistas, Evaristo de Sela, a mesma noite do 20 de novembro de 1975, minutos despois do «parte» esperado durante 40 anos, escribe, dun tirón, unha execratio de 174 versos. Co título «Responso indignado (Coplas de maldecir ante el cadáver de Franco)», acolle versos desta feitura semántica: «Engendrador de caínes, / alentador de matones, / reclutador de tarados, / resentidos, / impotentes, / envidiosos; / genocida del canto divino, / linchador de sonrisas, / carnicero de ideas, / hiena sedienta de sangre...». Evaristo de Sela, páxina ilustre das nosas Letras (é o traductor da Ilíada e da Odisea), ese día bafexou por primeira vez en corenta anos. Aínda así, a execratio estivo inédita ata despois da súa morte.