BEATLES

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA / Área de servicio

13 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Avalancha de productos beatlemaníacos nas últimas semanas: unha antoloxía de declaracións en forma de libro (ó popular prezo universal de dez mil pelas), reedicións de Imagine e Yellow Submarine, web oficial e todo fetichismo derivable do aniversario e cabodano do enfermizo John Lennon. Á parte dos recorrentes reclamos de púas de guitarras, tazas ou mesmo trozos de tarta que nalgún momento consumiron os mitos, a beatlemanía constitúe un mercado inagotable. A mercadotecnia é tan voraz que, mesmo partindo dunha realidade incuestionable (a calidade das cancións de The Beatles está fóra de discusión), convirte en grotesco todo o que invoca. Por moita razón histórico-musical que asista ós beatlemaníacos ou por moita tenrura que nos poidan inspirar as actitudes nostálxicas, o certo é que, co envellecemento dos calendarios, son as cancións de Lennon e Mc Cartney o único que realmente non sofre a degradación do paso do tempo. Mentres que as súas declaracións, escándalos, vestiarios e outros estilismos resultan tan rancios como ridículos e separables da calidade musical nos parecen agora os chismes sobre as Spice Girls, as seudo rebeldías de Madonna ou a egolatría pelma de Prince. Cos beatlemaníacos, a min pásame como cos nudistas: penso que teñen razón pero hai demasiadas outras cousas na vida para apaixonarse ou investir as nosas coraxes. E incluso, por moito que valore a música, o beatle que agora me cae mellor é Ringo Starr: nin compuña as cancións, nin era o máis guapo e nin sequera tocaba ben a batería. Debo ser ringomaníaco.