ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO
12 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Hai 25 anos, neste mes de novembro iban morrer materialmente algunhas cousas. Por aquelas épocas eu pasaba a maior parte do tempo na costa lucense, posiblemente o lugar mais lonxano dos centros de poder da Galiza, «onde Cristo dou as tres voces». O mes anterior corrérase a voz de que Franco morría esa noite, e uns amigos, marcados polo seu compromiso contra o réxime, temendo unha represalia contra a posible festa que irían a celebrar os roxos, viñeron a se refuxiar na miña casiña, que era ben pequena, aínda que, penso, alí non era o millor refuxo para aquel trance. Pasados varios días e convencidos de que Franco non morría, voltaron cada un para as súas casas. Mais, ao fin, cando arreciaron as críticas de entidades sanitarias e médicos foráneos do artificio malgastador de sangue para mantelo vivo, ao fin digo, deixaron morrer a Franco e non pasou ren. Houbo voces responsables, ademáis das que saían da Casa Real, no exército, e tamén as de certos políticos do réxime. Había que enterralo con tranquilidade e dispois xa veríamos. Os concellos organizaron misas, e miña muller e mais eu, logo de comprir co precepto de pór un telegrama en nome da empresa na que traballábamos, nos fomos a recorrer Galiza, pois o da misa.. non fora ser que resucitase. O réxime xa viña morrendo de anos atrais, aínda que o vello xeneral seguía firmando penas de morte, pois a súa desaparición só supuña o certificado de defunción do agoniante réxime. Varios eran os síntomas de que estaba acabando: Europa empezaba a cabrearse coa persistencia dos rexímenes dictatoriais na Península Ibérica, que atrancaba a evolución do entón chamado Mercado Común (hoxe disimulado con eso da Unión Europea, aínda que sigue sendo tan mercado como antes). Tamén estaba a inflación, que rondaba o 25%, e o desmoroamento do «desarrollismo» que o réxime atribuíalle ser España a 10ª potencia mundial. Pero o máis definitivo foi que dous anos antes daquela morte a ETA fixo volar ao herdeiro de Franco, moito máis franquista ca el, o almirante Carrero. Sobre aquela obra mestra da violencia para percurar unha morte, fixéronse conxeturas. Estaba recente a guerra do Kippur que salvara Funchal. Tamén a notoria insatisfacción dos militares portugueses enfangados nas guerras coloniais. Kissinger andaba aqueles días por Madrid e o 25 de novembro pillouno en París. Os nostálxicos daquel réxime teñen aínda hoxe máis valedores que os catro nostálxicos que ficamos da II República. Certo que os republicanos de aqueles 25 anos (eu son conservador-libertario aínda que ao pé deste traballo me chamen «intelectual galeguista» que teño que tolerar) estivemos de acordo coa transición que orientou a Casa Real como única posibilidade de encamiñar ao país cara a unha democracia participativa. Hai que significar que a transición foi feita polos mesmos que mandaban no réxime anterior, pois acó non tivemos nin unha revolución dos caraveis, continuidade que se nota, manden os conservadores ou os progresistas. Certo que as cousas nestes 25 anos foron mudando. Só a descentralización dou un volco á economía do país sen que ninguén perdese. Mais axiña apareceu o insacible capitalismo a se facer con todo, que eles mesmos legalizáronse non con métodos democráticos senón «pola gracia de Deus».