INSOLIDARIOS

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

06 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Son totalmente indiscutibles e xustas as razóns que asisten e alarman ós cidadáns do Campo de Xibraltar respecto á avaría do submarino atómico, o Tireless. A simple existencia da enerxía atómica xa é un perigo. O que non debería pasar desapercibido, amais do ridículo diplomático do Goberno español, é, por unha parte, o absurdo soberanismo das autoridades xibraltareñas, disimulando o risco para os seus habitantes á conta de seren máis británicos ca españois, e por outra parte tamén, na insolidariedade que representa, desde o outro lado, obviar a cuestión de que o problema non acaba con trasladar o submarino, con cambiar o perigo nuclear de sitio. Onde queira que se traslade o Tireless seguirá existindo, en maior ou menor grao, prexuízo para os seres humanos, para a fauna ou para a flora. O gran problema da enerxía nuclear non é só impedir a súa fabricación, senón como protexernos da que xa existe, da que xa é inevitable, independentemente de que iso ocorra máis lonxe ou preto da nosa tribu. O nacionalismo grande, é dicir, o dos estados vellos (neste caso, Gran Bretaña e España), o que nunca aparece condenado polo pensamento único elaborado contra os nacionalismos dos países sen estado (con razón ou sen ela), contamina neste caso unha gran cuestión medioambiental. Curiosamente nunha zona na que se reclama que Xibraltar sexa España, para que Ceuta e Melilla non deixen de selo en prexuízo do Marrocos, que nega o dereito de autodeterminación do Sahara, vintecinco anos despois (cúmprense agora) da descolonización española. Nacionalismos imperiais e insolidarios.