OUTRA OCASIÓN PERDIDA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

03 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

O VALOR DAS PALABRAS. Son a representación do mundo. Pero tamén a nosa propia representación. A ponte entre ti e mais eu, que nunca debe romperse. E se vén a chea e a auga a derrama, hai que recompoñela e levantala outra vez, porque ó final é o que nos queda: a palabra. Os que liamos a Blas de Otero nos anos 60 e 70 (e coñecimos daquela tantos silencios obrigados) sabemos o que tal significa. O presidente Fraga equivocouse anulando a cea co lehendakari Ibarretxe. Non por unha cuestión institucional nin de protocolo. Nin sequera por cortesía. Por pura razón práctica. Razón política, quero dicir. Nunca a caldeira tivo tanta presión. ETA ben o sabe. Por iso forza a máquina. O presidente da Xunta non é un afeccionado nin acaba de chegar á política. A súa biografía e a súa significación histórica dentro do PP permítelle (aínda) unha marxe de manobra que outros non teñen. Polo menos así era ata agora. Lembremos a súa iniciativa respecto a Cuba, por exemplo, e a súa relación con Fidel Castro, en absoluto coincidente coas liñas de acción política do Goberno Aznar. Ou aquela outra visita á Libia do coronel Gadafi. ¡Xa non falemos do caso Chile! A SOLUCIÓN EN EUSKADI pasa polo PNV. Pasa polo nacionalismo democrático vasco en tódalas súas formulacións. Certo que as declaracións públicas dalgunhas das súas figuras máis significadas tampouco axudan a encontrar camiños de confluencia. Este é un dato obxectivo. Monseñor Arzallus está instalado no púlpito, por non dicir que no Sinaí, e calquera día o púlpito váiselle converter en silveira ardente. Pero no PNV tamén hai diferencias. Algúns dos seus dirixentes (Joseba Arregui, o propio Ibarretxe) veñen movéndose no difícil territorio de recompoñer a situación. A actitude do Partido Popular e do Goberno de España (sen diferenciar unha cousa da outra as máis das veces), encirrados nun pulso electoral inmediatista e acurralando contra as cordas ó adversario, considerado cada vez máis coma inimigo, non axuda a desactivar a situación. Foi así dende o principio, dende a consecución da maioría absoluta, unha vez que deixou de ser necesario falar catalán na intimidade e os votos dos nacionalistas xa non se precisaban para sacar adiante as iniciativas gubernamentais. En gran medida esa actitude explica tamén a solución Lizarra, ensaiada no seu momento polo PNV case á desesperada. A SOCIEDADE ESPAÑOLA, no seu conxunto, está sendo acosada emocionalmente. Por uns e por outros. A escalada criminal da organización terrorista nas últimas semanas vai nesta dirección. Na coñecida estratexia de «canto peor, mellor», característica dos maximalismos revolucionarios, eles (ETA) son os máis beneficiados. Tal acoso, ó final, ó único que conduce é ó instinto, á reacción visceral, primaria, explicable (porque non estamos feitos de mármore), pero extraordinariamente perigosa: exactamente todo o contrario dos principios sobre os que se fundamenta o sistema democrático, que esixen cabeza fría, intelixencia e racionalidade. Tal é a misión dos políticos. Para iso necesitamos deles e para iso pagamos o seu traballo. A palabra (a ponte que a palabra significa) está neste segundo ámbito: o da racionalidade. Negar a cea foi negar a palabra, mesmo para formular e manter a discrepancia. Enrique Curiel recordábao onte nestas mesmas páxinas: a saída desta tensión só será posible reencontrando espacios de diálogo e persoas capaces (con credibilidade) para realizalo. Non se trata de dialogar con ETA, coma certo maniqueismo dominante pretende facer crer cada vez que se fala do PNV, senón de algo tan elemental (e roto) como reconstruir o espacio das forzas democráticas, condición que é indispensable para calquera planteamento que se faga.