PARQUE

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

17 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O luns pola tarde estiveron na casa dúas agradables periodistas suecas que andan facendo unha reportaxe sobre Galicia. Traían algunhas ideas. Querían ver cabalos salvaxes, un asunto que descubriron a través dun xornal do seu país, querían saber tamén se a xente cre nas bruxas e se na nosa terra existe algún tipo de matriarcado. Cos cabalos díxenlles que non había ningún problema, a cinco ou seis kilómetros da miña casa pódense ver os que se queira. Polo que respecta das bruxas, tampouco lle vin demasiados inconvenientes: na aldea onde vivo reside unha señora que ten fama deso e que se dedica a curar por medio de ditos, herbas e distintas clases de remedios, aínda que ela non cre en bruxerías. En canto, ó matriarcado, confeseilles a verdade: ignoro en qué consiste, a non ser que lle chamen así a cousas que aquí lle chamamos doutra maneira. Expliqueilles, por exemplo, que en Galicia, as mulleres traballan na terra igual que os homes, controlan a economía doméstica con man de ferro e pouco máis, no resto mandan eles. De maneira que, ó cambio, supoño que debe ser parecido ó que sucede noutros lugares, como nunha boa parte das sociedades campesinas. Non somos, polo tanto, un país raro. Confeso que me sentín como se fose habitante dun parque zoolóxico, observado desde detrás dos barrotes dunha xaula. Esa foi a razón de que lles falase de Santiago, das rías e da literatura que se fai aquí. E para rematar, por compensar un pouco, leveinas a ver os meus trens eléctricos. Maravilladas pola perfección mecánica, de fabricación alemana, fixéronme preguntas que non souben responder. Díxenlles que todo funcionaba gracias a unha computadora, pero que eu ignoraba de qué xeito. Déronme ganas de contarlles que Torrente pensaba que dentro dos ordenadores había bruxas. Non o fixen porque antes tería que explicarlles quen era Gonzalo Torrente Ballester. E eso non entraba no programa.