CAMUS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

08 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasei o fin de semana traballando nun artigo sobre Albert Camus, un dos meus escritores preferidos (non «o mellor», que na literatura, ó revés que no deporte, esa categoría non existe máis que para aqueles ós que non lles gusta precisamente a literatura). Volvín pararme na súa vida amorosa. Días antes de morrer nun accidente de automóbil, envíou catro cartas de amor a catro mulleres: a Francine (a esposa), a María Casares (a «única», como lle chamaba el), a Mi (unha preciosa rapaciña danesa que estaba tola por el) e a Catherine (a actriz Catherine Sellers, coa que saía de cando en vez). Todas sabían de todas, e ningunha o levaba ben, pero a que peor o pasaba era Francine, que chegou a dicirlle: «¿Por qué escribes tanto sobre o amor se eres incapaz de amar?». Poucos escritores neste século escribiron frases máis fermosas que as moitas que escribiu Camus. Por exemplo: «Nos homes hai máis cousas dignas de admiración que de desprecio». Ou esta outra: «Facer sufrir é a única maneira de equivocarse». Loxicamente, el tamén se equivocou.