OCEANO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

06 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O 1 de maio do 74, a penas seis días despois da revolución portuguesa, eu estaba cunhas amigas en Lisboa, metidos os tres entre a multitude, nun palacio de deportes a onde ían chegando delegacións de todo o país. Cada pancarta que entraba, o entusiasmo da xente multiplicábase, pero pola matemática enardecida dos corazóns. Nun momento, asomou pola porta un velliño sen afeitar, mal vestido, en alpargatas, que traía na man dereita unha cartela feita coa tapa dunha caixa de zapatos. Dicía: «Grándola». No medio dos berros, había xente que choraba. Escenas semellantes podíanse ver na madrugada de onte en Belgrado, a través da televisión: a multitude esbordada, situada na punta da emoción máis pura. Había abrazos, bicos, saúdos cómplices. Eu acordeime entón dunha frase que escribiu o escritor portugués Miguel Torga, despois de participar naquel mesmo primeiro de maio no que participara eu: «¿Em que oceano de bom senso iria desaguar aquele delírio?». Ese futuro mar en calma decepcionará, sen dúbida, ós navegantes máis intrépidos.