Á MARXE / Carlos Casares
04 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Pasei o día de onte en Santiago. Pola mañá estiven nun congreso na Facultade de Historia. Dito así parece unha cousa solemne, pero en realidade o que fixen foi contarlles ós congresistas, case todos extranxeiros, a miña experiencia da viaxe que fixen no Expreso da Literatura. Esto de falar para intelectuais non me gusta demasiado, porque os escritores non somos filósofos nin pensadores, senón xente que conta historias con maior ou menor fortuna, ou escribe poemas (no meu caso só na intimidade), pero que non sabe dos problemas máis que a xente normal. Pola tarde fun amosarlle a cidade a Christiane Lange, da Literatur Werkstatt, de Berlín, que foi compañeira miña naquel xa famoso tren dos escritores. Alegroume o seu entusiasmo. Logo, cando ía facer unha foto no Toural, apareceu un vello amigo meu, fotógrafo profesional, que ó ver a cámara que eu levaba na man, unha vella Leica M3, emocionouse tanto como Christiane diante do Pórtico da Gloria. A min tamén me pasa a miúdo cos obxectos. Se son fermosos, nunca decepcionan.