ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
24 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A natación sempre me resultou o deporte televisado máis aburrido: imaxes confusas dos competidores chapoteando e disputando carreiras por centésimas de segundo. Sen embargo, debo confesar a miña fascinación polas retransmisións desde a piscina olímpica de Sidney, gracias a unhas novidosas cámaras subacuáticas: corpos ondulantes no azul que me transportan cara unha sensación relaxante e definitivamente esclarecedora do principio de Arquímedes. Embriagado por tal reveladora imaxe, dáseme por pensar (en plan seudo-oriental) que a mellor teoría do coñecemento é sempre o apreixamento do que non se ve, do que non se di, do que non se toca, cando menos habitualmente. O fondo da piscina é máis interesante cá superficie. O revés é máis verdade có dereito. E así sucesivamente. Por exemplo, a imaxe máis auténtica das nosas relacións con Marrocos non está no protocolo desta semana para recibir ó seu rei, senón nas mobilizacións dos pescadores da Guarda, do Morrazo e do Barbanza para volver pescar nas augas que os marroquinos usurpan ós saharauis (outra débeda dos reinos de España e de Marrocos coa historia). Outro caso: se buscasemos a representación de pensamento social dos cidadáns desta Galicia de dereita perpetua (véxase o último barómetro deste diario) dariamos coa paradoxa de que a maioría do pensamento consciente (fronte á ápática maioría dos «sen ideoloxía») é de esquerdas. ¿Onde estades camaradas que non vos vexo? Nese revés contradictorio das cousas penso, mentres na tele o campión de tiro das pacifistas Olimpiadas bica a súa pistola.