RESIGNACIÓN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

17 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte pola tarde, mentres estabamos de sobremesa na illa de Ons, un amigo contounos o que lle sucedeu ó seu fillo, un neno de catro anos, durante unha viaxe ó norte de Portugal. Alí coñeceu a unha nena da súa idade, loira e de ollos azuis, da que se enamorou perdidamente. Nun primeiro momento, o romance limitouse a andar os dous collidos da man, pero cando chegou a hora da despedida, o pequeno díxolle ós seus pais que quería levar á nena con el. Polo seu lado, ela parecía estar disposta, pois en tanto duraba a negociación non se soltou da man do rapaz. En vista da determinación do enamorado, os pais lograron convencelo de que tiñan antes que falar coa familia da meniña, cousa que fixeron. Entre as dúas partes trataron de explicarlle, con toda clase de razóns, que non era posible o que pretendía, pero el, irreductible, seguía empeñado en cumprir o seu soño. Sen embargo, conforme avanzaba a conversación debeu intuír que o representante da súa noiva non estaba disposto a ceder, que entón volveuse ós seus propios pais para dicirlles en inglés con cara de resignación: «De acordo, levamos ó pai tamén».