El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
XULIO RÍOS AQUÍ FÓRA
08 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Despois de Croacia, Bosnia, Kosovo e a propia Serbia, agora semella tocarlle o turno a Montenegro. As recentes modificacións constitucionais promovidas por Milosevic para perpetuarse na presidencia iugoslava descalabran a paciencia montenegrina. O presidente desta República, Milo Djukanovic, anunciou o seu boicot ás eleccións previstas para o 24 de setembro, as primeiras na historia iugoslava nas que un presidente poderá ser elixido directamente polos cidadáns. Dende o exterior, o fráxil empeño por evitar unha nova fractura balcánica, cínico ou non, non ten visos de froitificar. A previsible proclamación unilateral da independencia montenegrina acabará definitivamente co soño titísta. Anticipábao recentemente o historiador Serbo Rastoder: «A lóxica histórica segue o seu curso e Montenegro é unha etapa máis no proceso de destrucción do proxecto nacionalista serbio». A demora dun cambio político en Serbia podería facilitar o apoio internacional ao abandono da estratexia de espera activa practicada polo goberno montenegrino nos últimos anos. A opción abstencionista vira as costas ós matices. É tal a obsesión por acurtar camiño que ninguén parece estar interesado en explorar as discrepancias sobrevidas no seo da coalición gobernante. Hai uns días, Seselj, o líder da extrema dereita, criticaba no semanario Nedeljni Telegraf algunhas actuacións recentes do goberno, dando a entender un distanciamento que podería culminar nunha campaña electoral independente. Eses votos serían importantes para un Milosevic con outros competidores. Pero en Podgorica a decisión está tomada e, ó igual que en Belgrado, con unha oposición en eterno dilema e dividida, moito teñen que mudar as cousas para construír unha alternativa a Milosevic.