MOSCAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

30 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A xente comenta que este ano hai moitas moscas e que ademais son pegañentas. Poida que sexa certo, porque a min tamén me dá esa sensación. Onte pola mañá, por exemplo, mentres almorzaba no porche, notei que andaban revoando por riba do pan, tanto que tiven que poñer unha servilleta tapando o cesto para que non pousasen nel. Ás veces, éntranme ganas de matalas, pero contéñome, pois estou convencido de que nesto de quitarlle a vida a outro animal, aínda tratándose dunha simple mosca, convén ser mesmo extremoso. Hai xente que vive con séculos de atraso no respecto da vida: son todos aqueles que aínda cren na pena de morte ou os que matan ós seus rivais políticos porque non están de acordo con eles. De xeito que, precisamente por esa razón, eu non quero matar moscas nin arañas nin formigas nin nada de nada. Ten un sentido: a humanidade pode estar representada por tipos que asasinan, pero tamén por persoas que non queren eso nin sequera para os bichos máis pequenos. Así que será mellor poñerse deste lado.