TERRA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

26 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día recibín por correo unha caixa de cartón, acompañada dunha carta, na que un amable lector me enviaba un regalo: unha pouquiña terra. Non se interprete mal, pois non se trataba dunha broma macabra, senón dun obsequio cariñoso. Como recordarán algunhas das persoas que teñen a paciencia de seguir día a día as miudezas das que falo nesta miña columna periodística, o ano pasado recollín só unha mazá, e que este ano a única mazaira que hai no meu xardín pasou unhas semanas moi pouco católica, unha miguiña triste. Esa foi a razón de que o citado lector me enviase a terra. Polo que me conta, ten unhas propiedades fantásticas. Seguindo as súas recomendacións, xa a puxen no pe da árbore, convencido de que lle será tan beneficiosa como el me di. O que non fixen aínda foi bautizar as mazás cos nomes que me propuxo, pero fareino en canto chegue un día de sol. A unha delas, co permiso do meu interlocutor, bautizareina con nome masculino, o del. Xa lla mandarei por correo, que eu non podo comer a un amigo.