PETERSBURGO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

04 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

San Petersburgo segue sendo unha das cidades máis fermosas do mundo. Mellorou bastante, en moitos aspectos, desde a última vez que a vin. Está máis limpa, hai moitos monumentos restaurados e nótase máis animación na rúa. En contra, o tráfico medrou como en calquera cidade occidental, os novos conductores son algo tolos e a vida encareceuse radicalmente. Percíbese a golfería, sobre todo entre os taxistas, que estafan canto poden, e a desorganización. Onte, por exemplo, non había manteiga no hotel para almorzar. Con todo, o máis divertido foi o que lle pasou á escritora alemana Felicitas Hoppe, que pediu un segundo café. A cambio recibiu unhas palabras desabridas, en ruso, por parte da camareira, que foi chamar ó xefe en plan acuseta. Cando este chegou con cara de furia, botoulle unha bronca nun inglés que case non se entendía por malo, pero do que quedaron clarísimas as últimas palabras, pronunciadas co dedo das ameazas: «¡Unha persoa, un café!» Non souben se era xusticia distributiva ou ineficacia.