M. A. FERNÁNDEZ
01 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A distribuidora repasa a película, metea nunha saca, vende os carteis e os fotocromos necesarios, e mándalla ó exhibidor que previamente a alugou nunha cantidade que pode ser a porcentaxe (en capitais) ou a tanto alzado (en vilas). Esa é, en grandes trazos, a actividade distribuidora. Entrar nun destos almacéns impresiona. Dúcias e dúcias de caixas (verdes, antes eran de lata) amoreadas nos andeis... Pero o distribuidor (que sempre tivo mala prensa xa que os productores-directores botan sobre eles as culpas do fracaso dos seus filmes) era tamén a cara humana do negocio. Galicia é moi peculiar no eido cinematográfico. Xunto ó gran circuíto capitalino (Vigo Cines, Yelmo, Rosales, Box...), que nalgún caso xa programan desde Madrid, está o empresario de vilas, que palma máis cartos dos que gaña ou case. Coñecedores do país O distribuidor galego axustábase ás características sociolóxicas e territorias do país. Sabía que película podía funcionar en Carballo ou en Monforte, e as que non tiñan nada que rascar en Cangas ou Verín... Tamén canto podían pagar os seus empresarios. O trato era directo, as máis das veces con visitas persoais. Vivíase o negocio por ambas bandas. Agora téndese a facelo desde Madrid. O outro lado do teléfono podes atoparte cun funcionario que sigue unhas consignas uniformes para todo o Estado, como se Villanueva i Geltrú ou Majadahonda foxen o mesmo que Ribadavia ou Foz. Non hai maneira de que entendan que Galicia é de poboación dispersa e por riba envellecida (os maiores non pisan o cine nunha vila...). Claro que sempre haberá tempo de cambiar, pero mentres, esta fuxida das distribuidoras a Madrid perxudica ó sector. E non digamos xa á hora de colocar o cine galego nas pantallas. Alguén debería tomarse este asunto máis en serio.