CONTRADICCIÓN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

29 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte, en Riga, participei nun acto literario que se celebrou nunha librería próxima á universidade. Consistiu nunha breve autopresentación, na que expliquei onde quedaba Galicia e cal era a súa situación lingüística. Despois lin un fragmento dun conto meu, que un actor dixo a continuación en letón, con moita mímica. Eu miraba para os rostros da xente e podía seguir, a través dos seus xestos, o que sentían ou pensaban do que estaban escoitando. Cando un non entende, aguza moito máis a capacidade de observación. No tocante á cuestión lingüística, aquí hai que ter coidado, pois as sensibilidades son moi diferentes. Os rusos, que constitúen case a metade da población, teñen menos dereitos que os letóns e síntense discriminados. Ademais, o seu pasaporte é de distinta color. Os nacionalismos bálticos son agresivos e, a miúdo, de corte fascista. No tren, os estonianos saúdan brazo en alto, como os nazis, levan o pelo rapado e visten de coiro. Un deles quere montar non sei qué trapallada en Luxemburgo.