FRITZ

La Voz

OPINIÓN

A MARXE Carlos Casares

22 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Na recepción do martes coñecín a unha bonita rapaza alemana, Stefanie, periodista nun dos periódicos de Hannover, que se ofreceu a amosarme máis tarde a cidade. Primeiro fumos a un café literario, o Café Conrad, un lugar moi agradable, cun pequeño xardín interior. Como vin que había só homes e que moitos deles estaban collidos da man, pregunteille á miña acompañante se nos atopabamos nun sitio gay. Díxome que si e preguntoume se tiña prexuízos. Respondinlle que non e entón contoume unha historia fascinante. Resulta que o personaxe máis famoso de Hannover non é ningunha persoa exemplar, senón un delincuente. Chamábase Fritz, atraía rapaces á súa casa, alá polo ano 1920, e un día descubriuse que matara a vintecatro. O peor é que tamén os descuartizaba e facía salchichas con eles, que logo vendía. Tamén lle suministraba bistecs ós restaurantes. A cabeza de Fritz, que foi decapitado, gárdase nun museo da cidade. Despois de escoitar esta historia, fumos cear a unha terraza e Stefanie preguntoume se quería comer carne. Pedín ensalada.